Presentación

A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), é o evento social de referencia no sector TIC galego.

Reunímonos as colexiadas e colexiados no que é un acto de reafirmación da nosa profesión, un momento para compartir experiencias e tamén para coñecérmonos mellor entre nós.

Na nosa Noite acompáñannos representantes do empresariado TIC galego, cargos públicos e membros doutros estamentos que nos axudan, coa súa presenza, a facer máis visible a nosa profesión cara ao resto da sociedade.

Cada ano facemos entrega dos Premios do CPEIG, mediante os cales distinguimos aquelas persoas, empresas e institucións que, co seu traballo, están a consolidar a sociedade da información.

PROGRAMA

Mestre de cerimonias: Leo Harlem
19.45 H. Control de Acceso
20.00 H. Cóctel de benvida
21.00 H. Acto de entrega dos premios do CPEIG
21.45 H. Cea de gala
23.30 H. Actuación e sorteo de premios

Premiados

Premio Fin de Carreira

María García García, polo proxecto Estratexias transaccionais para lograr High-Perfomance en aplicacións JEE7. O obxectivo do traballo é maximizar a eficiencia dos sistemas de transacción garantindo a integridade e consistencia dos datos.

Premio e-Inclusión

Fundación Vodafone España pola súa acción social, que realiza con proxectos apoiados en desenvolvementos das TIC a prol das persoas maiores e das persoas con discapacidade baixo o epígrafe “Connecting for Good”.

Premio Iniciativa Emprendedora

Empresa NLPgo, que naceu coa vocación de ser o apoio informático necesario para calquera lingüista ou grupo de lingüistas que non dispoñan do soporte informático suficiente para levar a cabo os seus proxectos.

Premio Iniciativa Empresarial

Autoridade Portuaria da Coruña polo proxecto Smart Port A Coruña, desenvolvido pola UTE Avante Emetel-Altia. O Porto da Coruña aposta por unha solucións tecnolóxica a medida que innova sobre solucións existentes e que inclúe investigación e desenvolvemento de novas funcionalidades.

Premio Ada Byron

Nieves R. Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos e creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado como grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia, que dirixe desde entón.

Premio Iniciativa da Administración

Consellería de Economía, Emprego e Industria polo proxecto Civil UAVs Initiative. Situará Galicia na tecnoloxía emerxente dos avións non tripulados, na que as achegas dos enxeñeiros e enxeñeiras en Informática serán fundamentais.

Premio Traxectoria Profesional

Patricia Rodríguez Dapena é CEO da empresa Softwcare S.L. Foi enxeñeira de software e de calidade de software en diferentes empresas españolas entre 1987 e 1992 e nese último ano pasou a ser staff da Axencia Espacial Europea en Holanda (ESTEC).

Recoñecemento

Á Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade da Vigo polos seus 25 anos de brillante traxectoria desde o campus de Ourense.

Colexiado de Honra

Alejandro Pazos Sierra. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e en 1989 realizou un Máster en Enxeñaría do Coñecemento na Universidade Politécnica de Madrid. Obtivo unha bolsa predoutoral de IBM coa que se doutorou en Enxeñaría Informática por esa mesma universidade en 1990. Iniciou así unha frutífera e densa carreira. Foi contratado posdoutoral no Georgia Tech, en Atlanta entre 1990-1991, e posteriormente, en 1996, obtivo o seu segundo doutoramento, esta vez en Medicina, pola Universidade Complutense de Madrid.

Espazo

San Francisco Hotel Monumento, situado a 150 metros da Catedral en pleno casco histórico de Santiago de Compostela, ofrece todo o encanto dun convento franciscano do século XIII combinado cos servizos e comodidades dun hotel moderno.

En concreto, dous espazos sérvennos de escenario para a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia: o claustro, no que se desenvolve o cóctel de benvida e o patio de cristal, onde entregamos os nosos galardóns e gozamos da cea de gala.

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VÍDEO

▲ SUBIR