PROGRAMA

18:30 H. Control de Acceso.
19:00 H. Cóctel de benvida.
21:00 H. Acto de entrega dos premios do CPEIG.
22:00 H. Cea de gala.
00:00 H. Barra libre.

Premios

Premio Iniciativa Emprendedora

O recoñecemento foi para Startup Galicia, a asociación de emprendedores máis grande de Galicia que suma 130 socios que pertencen ao ecosistema e representan a preto de 200 startups.

Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática

A doutora en Informática Virginia Mato, codirectora da Cátedra ALDABA-WIB da UDC e UVigo para impulsar iniciativas que contribúan a dar visibilidade ás mulleres no mundo das TIC, recibe este galardón por ser un “referente próximo e necesario”, cunha traxectoria que demostra que as mulleres poden alcanzar o éxito na profesión.

Premio Traxectoria Profesional

O galardón concédese, a título póstumo, á doutora en Informática Paula Montoto. A pontevedresa traballou durante 25 anos como analista informática na compañía Denodo, nacida na Coruña e líder mundial en virtualización de datos, ademais de ser profesora na Universidade da Coruña.

Premio Especial CPEIG-En memoria de Hernán Vila

José Valiño, director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA, e José Manuel García Oya, socio director de Plexus Tech, reciben este recoñecemento pola súa contribución decisiva ao desenvolvemento e consolidación do ecosistema tecnolóxico galego.

Premio Iniciativa Empresarial

O recoñecemento foi para Sparc Foundry, a primeira empresa española, con sede en Vigo, dedicada á fabricación de semicondutores de última xeración, Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG. Ten en marcha as obras da súa planta no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, e prevé que estea operativa a finais de 2027 para cubrir a crecente demanda de dispositivos fotónicos nas telecomunicacións, automoción, IA ou no sector aeroespacial.

Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino

O recoñecemento recaeu en Loomi, plataforma web pedagóxica, creada por tres mozos estudantes da Universidade de Vigo –Anxo Lameiro, Marcos Martínez e Alejandro Sirvent–, para a personalización da docencia a nivel de infantil e de primaria con IA, co obxecto de que o profesorado poida transformar contidos curriculares en historias ilustradas e personalizadas en cuestión de segundos.

Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)

O premio recoñece á Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes, iniciativa público-privada que promove a investigación, innovación e transferencia de coñecemento, difusión e divulgación da IA e os algoritmos verdes coa fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente.

Premio Iniciativa da Administración

A distinción foi para a Gerencia de Informática da Seguridad Social pola súa plataforma corporativa de atención ao cidadán. O proxecto, chamado ISAC (Infraestructura de Soporte de Atención al Ciudadano), é unha iniciativa clave na evolución do modelo de atención á cidadanía da Seguridad Social.

Premio e-Inclusión

O recoñecemento recaeu en OdiseIA, Observatorio del Impacto Social y Ético de la IA, por velar polo uso ético e responsable da intelixencia artificial. A organización, fundada en 2019, creou hai pouco a Fundación OdiseIA4Good para impulsar a IA ao servizo do ben común.

Premio Colaboración Interadministrativa

O Concello de Ames recibe esta distinción por impulsar a cooperación institucional como “ferramenta real de transformación económica e social”, consolidándose como “un dos municipios máis dinámicos de Galicia en materia de innovación, emprendemento e desenvolvemento tecnolóxico” con iniciativas como a xornada InnovAmes e a atracción de empresas tecnolóxicas, innovadoras e de base dixital ao seu entorno.

Premio Colexiada/o de Honra

Ramón López de Mántaras, pioneiro da intelixencia artificial en España e Europa, é o novo Premio Colexiado de Honra do CPEIG. O fundador do Instituto de Investigación en Inteligencia Artificial do CSIC recibe esta distinción “polo seu compromiso cunha visión ética, humanista e responsable da tecnoloxía”.

Premio Traballo Fin de Máster

O enxeñeiro informático David Zambrana, da Universidade da Coruña, gaña este recoñecemento polo seu proxecto dunha plataforma, chamada ShoppyEye, orientada a democratizar a observabilidade técnica e de negocio no comercio electrónico para pequenas e medianas empresas. Os finalistas, tamén da UDC, foron Alejando Esteban, por un traballo sobre a seguridade nas redes informáticas actuais a través da integración de técnicas de IA, e Adrián López, polo deseño dun sistema de apoio á selección de participantes en ensaios clínicos no marco do proxecto iTrial do SERGAS.

Premio 18º Aniversario CPEIG-A NOITE

O recoñecemento recaeu nas empresas Dell Technologies, DXC Technology e Taisa polo seu compromiso e apoio continuado ao evento durante máis de dez anos, ademais do seu respaldo sostido á profesión e ao ecosistema TIC galego, e a súa aposta pola innovación, o talento e a colaboración entre empresas, institucións e profesionais.

Premio Impulso Dixital Galicia

A distinción recoñece á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia polo seu liderado estratéxico na construción dunha Galicia más innovadora, dixital e preparada para enfrontar os retos do futuro, con iniciativas pioneiras en España, como o Plan integral de benestar dixital, a futura Lei de Educación Dixital de Galicia ou a posta en marcha da primeira Fábrica de Intelixencia Artificial aplicada á saúde en España.

Espazo

O Hotel Oca Puerta del Camino é un aloxamento de catro estrelas situado fronte ao Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, na área de negocios da cidade en San Lázaro e a escasos tres quilómetros a pé da Catedral de Santiago. As súas amplas e elegantes instalacións e a súa posición estratéxica na cidade convérteno nun hotel ideal para a celebración de eventos. En concreto, dous espazos sérvennos de escenario para a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia: a terraza para o cóctel e un salón de gran capacidade para a cea de gala.



GALERÍA FOTOGRÁFICA



▲ SUBIR